Hai peregrinos que van desprendéndose de cousas a medida que fan o Camiño de Santiago. O peregrino aprende nos primeiros días do seu camiño a desprenderse do que non é estrictamente necesario. Só pode con sete ou oito quilos, e iso obrígao a deixar algunhas cousas. Pero descobre que para vivir fanlle falta moi poucas. A todos os sitios chega sabendo que o seu destino é outro, que «aínda non chegou de todo», que vai facendo etapas e que isto, no canto de desanimalo, sérvelle de estímulo para seguir camiñando.
O peregrino decátase do pouco que realmente necesita para camiñar. Pola contra, canto máis baleira leve a mochila, menos impedimentos atopa para avanzar. Fronte á superabundancia dos nosos tempos, moi poucas cousas resúltanlle imprescindibles. Mesmo cando precisa dun grolo de auga ou un anaco de pan, non falta unha man caritativa que llo proporcione sempre que o pida con humildade. Hoxe non sabemos pasar sen multitude de obxectos. Obxectos que supostamente necesitamos porque así nolo inculcou meticulosamente a propaganda e os medios de comunicación. A condición do peregrino pon de manifesto que, moi por encima deles, está o ser humano, que tanto máis vale non canto máis ten, senón canto máis é autenticamente humano.