DECÁLOGO DO PEREGRINO
1. O auténtico camiño é o que cada un vai facendo por dentro. Ese pode facer que te atopes a ti mesmo e transformes toda a túa vida.
2. Para facer a peregrinación é necesario entender que o tempo é un don que se nos dá. Se te deixas levar polo arrebato das présas correrás o perigo de pasar polo camiño sen que este pase por tí.
3. Optimismo e alegría, sinxeleza e sinceridade, capacidade de sacrificio e contemplación, apertura aos demais e delicadeza, solidariedade e limpeza, han de ser as calidades do peregrino xacobeo.
4. Prepara xa a túa lixeira mochila para a peregrinación, pero non esquezas que a equipaxe máis importante é a túa sensibilidade e actitude de procura. Un peregrino que non ten a capacidade de admirar e ler nos acontecementos máis sinxelos non está capacitado para percibir o fondo das cousas.
5. Evita os prexuízos: nin cara aos teus irmáns os peregrinos doutras nacións, nin cara ás sinxelas xentes dos pobos, nin cara ás raíces relixiosas da peregrinación. Ante todo se humilde e libre. Non esquezas que en calquera recodo do camiño pódeste atopar con Deus.
6. Abre ben os ollos á paisaxe, a sensibilidade á arte, a gratitude a quen che ofrece hospitalidade, a mirada ás estrelas, cun san humanismo cara aos homes do Camiño e a alma de Deus.
7. Respecta e aprende a ler a Natureza. Deus creouna para todos. Ela pode ensinarche e axudarche moito. Ti formas parte dela e debes ser o altofalante que canta a creación.
8. Durante a peregrinación non te encerres en ti mesmo. Fai do teu camiño un encontro constante. Sal de ti e comunícate; expresa a túa experiencia. Defende as túas certezas e vivencias superando toda fronteira.
9. Fala con letrados e campesiños con humildade e respecto. Respecta a historia dos vellos tempos. Se alguén che fai dano ou non che acolle, sorrille en silencio.
10. Ao chegar a Compostela, dá un abrazo a Santiago. Reza e dálle grazas. Algún compromiso haberá que forxar. Algo che dirá a conciencia. Que recibas as bendicións de Santiago Apóstolo!