Símbolos Xacobeos

ARCA, AUGA, BARCA, Bordón, BOSQUES, COVA, CRUCEIROS, Cruz de Ferro, Cruz de Santiago, ESTRELA, Frechas amarelas, MONTAÑA, PEDRA, PORTAS, porta do Perdón, ROCHA, RÚA DOS PEREGRINOS, RUTA, Vía Láctea, Vieira.

ARCA

A arca,  como relicario, simboliza o lugar onde se garda algo de gran valor espiritual.A arca é símbolo tamén da casa, por iso adopta a forma dunha casa con tellado a dúas augas na súa tapa e a casa é o máis íntimo e persoal, por iso a arca pode significar o corazón e a orixe e principio da vida.A arca é símbolo da alianza porque contén tesouros da vida dun pobo (Arca da Alianza de Deus), gardando as táboas da Lei.A arca de mármore na que estarían as reliquias de Santiago sería a típica arca de reliquias medieval.

AUGA

Somos cauce da graza de Deus que camiñamos como peregrinos ó lago do seu amor infinito. Uns imos cheos de auga; outros, imos case baleiros; outros, imos secos pola forza do pecado; pero todos desexando o noso encontro final co lago sen fondo da misericordia divina. Durante a peregrinación ás veces resulta de agradecer a auga da chuvia. Por exemplo, cando o paso do tempo e os seus quefaceres van depositando unha capa de po nas follas das inquietudes que un ten. Entón un resístese a ser cuberto de po na plenitude da vida, cando os froitos son ofrecidos xenerosamente ó camiñante que pasa.

BARCA

A barca simboliza a viaxe pola vida.Os discípulos recolleron o corpo de Santiago e trasladárono a Galicia, nunha barca,. Este feito lémbrase como a translación de Santiago, celebrado o día 30 de decembro.É unha das escenas máis representadas nas obras de arte de todos os ciclos xacobeos. A tradición di que a barca non tiña sistema para navegar: non importa, porque nalgúns casos Deus facía de capitán de barco conducindo a nave e noutros o mesmo Apóstolo capitaneaba desde proa.Adoita chamarse tamén «nave da penitencia» que ás veces se representa chea de peregrinos. Non esquezamos as rutas marítimas polo mar que conducían a Compostela desde os portos de Europa. A Virxe María chegou a Muxía nunha barca de pedra para consolar a Santiago.

Bordón

O bordón simboliza a dureza da vida, que experimentaba o home medieval e que, hoxe tamén, de forma distinta, seguimos experimentando. A vida segue sendo un camiño, unha peregrinación, un val de lágrimas, aínda que tamén de gozo.  Cóntase que o bordón era amañado para esconder dentro del moedas de ouro que sacaban de España ó seu retorno, como produto das esmolas convertidas en valor internacional.

BOSQUES

O bosque ten sentido negativo, porque o sol ocúltase entre as súas sombras e significa a escuridade, a noite, a morte e o inferno. No bosque poden producirse extravíos. Isto supón o esforzo de volver a atopar o camiño correcto e o risco de animais perigosos, asaltadores de camiños.  Na Idade Media, os bosques cubrían gran parte da ruta xacobea. Unha das preocupacións dos monarcas e monxes era facilitar a axuda ós peregrinos medievais no bosque.

COVA

A cova pode representar a casa natural do sagrado.É normal que o corpo de Santiago fose descuberto despois de varios séculos de nun lugar recóndito, escondido, como son as covas naturais. A cova, pode converterse en morada interior, onde se produce ou habita o numinoso e o seu descubrimento produce unha manifestación especial do sagrado. As covas onde aparece algo sagrado procedente doutros tempos, constitúense en lugar sacro. No caso do Apóstolo, o seu descubrimento dará orixe a unha catedral e á gran peregrinación xacobea.

CRUCEIROS

O sentido do cruceiro é consagrar e cristianizar un lugar: entrada, saída, cruzamento de camiños ou praza.Dese século é o de Roncesvalles. E algún de Galicia, Melide, podería ser Dos conservados, os máis antigos. Hai cruceiros que destacan o tema xacobeo como o de Gamonal, á entrada de Burgos. Non é fácil achar cruceiros anteriores ó século XIV. 

Cruz de Ferro

Unha das cruces máis impresionantes da ruta xacobea é a Cruz de Ferro, no monte Irago, despois de Foncebadón. Caracterízase pola súa sinxeleza:  unha simple cruz de ferro colocada no extremo dun poste de madeira de carballo. Suxéitase por unha verdadeira montaña de pedras arroxada polos peregrinos ó seu paso. É unha «mamoa» galega que fai de chanzos e de base dun eixo que comunica o terrestre e o celeste. Para algún non hai mellor manifestación do celeste en todo o Camiño de Santiago.

Cruz de Santiago 

A Cruz de Santiago é un dos símbolos máis ligados ós peregrinos, xunto coa vieira. De feito, en Galicia son incontables os edificios, igrexas e catedrais, capelas, ermidas e lugares nos que a Cruz de Santiago está presente e, case sempre, acompañada das cunchas de vieira. A Cruz de Santiago foi o emblema da Orde Militar de Santiago, q      ue desde o século XII defendía ós peregrinos. A insignia da orde é unha cruz vermella en forma de espada, facendo flor de lis na empuñadura e nos brazos.  Hoxe, os cóengos da catedral compostelá lócena sobre a parte dereita da sotana, á altura do peito.

ESTRELA

A estrela é símbolo de Santiago. O que presta o ceo; á beira dos que dan a terra e o mar. Houbo luminarias prodixiosas na aparición do corpo de Santiago, prodixio natural nun Apóstolo que se vira envolto en vida na luz do Tabor. Houbo quen interpretou o nome de Compostela, como Campo de Estrelas. En Santiago mesmo está aínda o Campo da Estrela con que quixo dar testemuño permanente desta ligazón da terra e o ceo nas tradicións apostólicas da cidade.  

Frechas amarelas

“Don Elías Valiña, párroco do Cebreiro e figura clave no renacemento do Camiño, comezou a pintar algunhas indicacións na ruta xacobea coa pintura amarela sobrante, da que se usa para sinalizar as estradas en obras. Seguindo o exemplo de Elías Valiña, diversas persoas e asociacións foron completando a sinalización do Camiño por medio deste sistema.  As frechas amarelas son buscadas afanosamente polos peregrinos, pois só elas permiten evitar un dos riscos máis típicos do Camiño: perderse. Atopar a ruta correcta foi sempre unha das principais preocupacións do camiñante. E aínda que, grazas a Deus, extraviarse non teña hoxe as consecuencias tráxicas que podería ter na Idade Media, pois xa non hai lobos nin salteadores, a ninguén lle fai graza engadir varios quilómetros a unha xornada xa de seu longa e fatigosa…  As frechas amarelas lémbrannos que o Camiño de Santiago, como o camiño da vida, non podemos andalo sós; que grazas á axuda doutros, visibles ou invisibles, podemos seguir avanzando. As frechas ábrennos os ollos á necesidade de recibir e de agradecer. E, ó mesmo tempo, suxiren ó peregrino a importancia de buscar, no camiño da súa vida, puntos de referencia, orientacións, criterios válidos… Para non extraviarse, para non camiñar sen rumbo”. José Luís VÁZQUEZ, SJ Sal Terrae 94 (2006) 457-468 

MONTAÑA

A montaña representa o celestial: a súa cima contacta coas alturas.Outro significado da montaña é o de ascenso dificultoso e meritorio, chegar á montaña mística. As montañas da peregrinación son dificultades para os camiñantes e por iso nelas instalábanse albergues e hospedarías. Así Santa Cristina en Somport, Roncesvalles, San Xoán de Ortega, o Cebreiro, Pajares, San Adrián, Foncebadón. Nestas pasaxes montañosas adoitaba aparecerse Santiago en axuda dos peregrinos na súa marcha e sitúanse personaxes hospitalarios que atenden a estes servizos dunha maneira especial.

 PEDRA 

A pedra significa unidade, forza, apoio e sostén; a area, disgregación, labilidade. Nun albergue, en Bercianos del Real Camino (León) hai unha cesta de pedras brancas moi pequenas pintadas con nomes e datas. Neste albergue non se selan credenciais nin se escriben os nomes no libro de rexistro, senón que cada peregrino pon o seu nome nunha pedriña, coa data e unha frase de ánimo, e deposítaa na cesta. Cada noite todos os peregrinos reúnense para a oración e levan a cesta ó medio da asemblea. Todos oran en común polos presentes e polos ausentes nun mesmo espírito de fe. É unha maneira de sentirse unidos todos, os presentes, os que xa pasaron e os que chegarán, na mesma fe que empuxa a seguir o Camiño.

PORTAS

As portas das igrexas cristiás significan a entrada ó Paraíso Celestial. Hai moitas frases colocadas encima das portas que indican este simbolismo. Na porta de entrada ó claustro de San Juan de la Peña, no Camiño de Santiago, a inscrición di: «Por esta porta realízase a entrada no ceo ós fieis, se cumpre os mandamentos». Sobre a porta de entrada en Roncesvalles, a inscrición di: «A porta ábrese a todos, enfermos e sans, non só a católicos, senón aínda a pagáns, a xudeus, herexes, ociosos e vans».  A simboloxía do espazo interior arquitectónico do templo como camiño, é paralela á do espazo exterior da ruta xacobea, por iso, existen as Portas Santas ou do Perdón. Por elas entran os peregrinos na igrexa para conseguir o xubileo das perdonanzas ou indulxencias.  Estas portas estaban situadas sempre no lado por onde pasaba o Camiño. En Roncesvalles podía ser a do poniente, pasado o chamado Portal de Peregrinos, polas circunstancias topográficas por onde viña o camiño.

Porta do Perdón

É unha extensión a todas as portas de entrada nun espazo relixioso que tiñan concedidas indulxencias en días especiais de xubileos e celebracións.  A porta do Perdón ábrese soamente nos anos xubilares facendo caer o muro que a pecha durante os anos non xubilares.   A porta do Perdón propiamente só é unha, a de Compostela, pero outras substituían á de Santiago mantendo na actualidade o privilexio de poder gañar os perdóns como é Villafranca del Bierzo. Tamén se chamaban do Perdón outras portas en Burgos e León. San Xoán de Ortega conserva a porta románica ou do Perdón.

ROCHA

A rocha é un símbolo de permanencia e orixe de bens. Os discípulos de Santiago, cando chegaron na barca a Galicia, ataron a nave nunha pedra, nun lugar que por iso se chama Padrón e sobre o lugar onde estaba a rocha construíuse unha igrexa. Bastantes obras de arte representan o traslado na nave e cando queda sobre a rocha. En xeral represéntase como un desembarco do corpo do Apóstolo e noutros casos como un descargamento da arca onde viñan os restos. Nalgún caso é curioso observar como a rocha abrándase tomando a forma cóncava para adaptarse ó corpo do santo.

RÚA DOS PEREGRINOS

A rúa dos peregrinos é un espazo urbanizado que ten un sentido triplo: é un espazo comercial, de oración e asistencial. Nos aspectos asistencial e sagrado é onde radica o verdadeiro significado da «vía sagrada» como ruta de peregrinación. O aspecto de espazo de oración móstrase na abundancia de centros relixiosos que se abren nas cidades. Se a peregrinación xacobea fomenta o comercio e a artesanía, con maiores razóns fomenta a relixiosidade e as prácticas relixiosas, de tal maneira que ben se pode denominar ruta da oración e a penitencia, pois ese é fundamentalmente o significado da peregrinación xacobea.

Vía Láctea

Unha boa parte dos pobos da antigüidade daban á Vía Láctea o simbolismo de «Camiño», de «Ruta Celeste». En moitas tradicións, a vía láctea aparece como un lugar de orixe divina, que enlaza os mundos divino e terrestre. Simboliza a vía dos peregrinos, dos místicos, dun lugar a outro da terra, dun plano a outro do cosmos, ou dun nivel a outro da psique.  Cando se chega á Idade Media convértese a Vía Láctea no indiscutible Camiño de Santiago no firmamento. A Vía Láctea, segundo as tradicións, é o vieiro que seguiu o Apóstolo para loitar contra os mouros. É dito popular que na Idade Media as peregrinacións a Compostela, pola súa concorrencia, comparábanas ás estrelas da Vía Láctea  Os peregrinos medievais cando camiñaban na noite seguían o rastro das estrelas. De aí xorde o falar do Camiño “escrito no ceo”, a Vía láctea guiadora que existe porque existe na nosa alma. Necesitamos recuperar os ideais que son esas estrelas que nos orientan.

Vieira

Gran atributo xacobeo, a vieira é signo de recoñecemento de peregrinación e dificultade. A quen levaba a cuncha ofrecíaselle axuda na consideración do seu esforzo e santificación para sobrelevar as fatigas e perigos. Era beneficiario das obras de caridade que ofrecían as institucións hospitalarias, as confrarías e outras xentes que neles recoñecían ó peregrino e a Cristo.  O símbolo da cuncha ten que ver co regreso da peregrinación: A vieira identificaba a aqueles que fixeran a peregrinación a Santiago cando volvían ás súas terras. Para a peregrino era un recordatorio da forte experiencia vivida no Camiño e das grazas recibidas. O uso da cuncha axudaría a beber e pedir esmola. Formaba parte da indumentaria decorativa no traxe de romeu, na esclavina, no chapeu.  Que vieira sexa emblema dos peregrinos a Compostela pode deberse á abundancia deste molusco bivalvo nas costas galegas.

Si te gustó, comparte: