Multitudes

Cada día multitudes de boa xente a pé, en bicicleta ou dacabalo, fan o sacro e histórico Camiño de Santiago. Son nenos, mozos, adultos e anciáns camiñando pausadamente entre o rumoreo e a brisa dun testemuñal e histórico camiño. Peregrinan buscando o seu propio camiño. Pisan as pegadas dos seus antepasados. Respiran os aires renovados dos sombrizos soutos galegos despois de percorrer os calorosos camiños de León e as refrixerantes corredoiras do Bierzo. Cacabelos, O Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín… son nomes que quedan gravados no peregrino que fai o Camiño francés á sombra da arte e baixo o amparo do Apóstolo Santiago. Camiño de renovación e de silencio, lonxe dos bulicios cotiáns. Camiño coloquial e dialogante que enche o noso tempo de amigables conversas coas tranquilas xentes dos pobos. Camiño de fe e de conversión. Acción e contemplación mestúranse misteriosamente no camiñante e esperta cada día coa ilusión renovada dun novo itinerario de espiritualidade que aínda está por facer.

O Camiño permítenos acceder á arte e á cultura. Camiñar creativo de espiritualidade renovada. Camiño cheo de suores que se molla de novo cada día coas pingas de auga emanadas de tantos peregrinos convencidos de que merece a pena facer camiño ao andar. E ao final, as bágoas que saltan por milleiros no Monte do Gozo, gozando coa mirada extasiada do perfil das torres da Catedral. e por fin, alí están, inmóbiles ante o paso do tempo, a praza do Obradoiro e o mestre Mateo coa súa impresionante obra. E o santo esperando o abrazo cariñoso. Deus bendiga aos peregrinos.

Mario Vázquez Carballo

Si te gustó, comparte:

Entrada relacionada

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *