O peregrino, en contacto coa natureza, vai temperando o seu espírito, vai purificando as súas motivacións, vai descubrindo os sinais doutros peregrinos cos que se sente solidario, desde moreas de pedras ata obras artísticas.
Cómpre volver valorar os marabillosos efectos que a natureza e os seus ruídos benefactores (o murmurio do río, o son das aves) teñen sobre o organismo. Un pode sentirse despexado, relaxado, acougado, pleno, feliz. No Camiño a natureza rodéanos en todas as súas posibles manifestacións proxectando sobre o organismo unhas sensacións que exercen o seu efecto benéfico sen que teñamos que facer nada especial, só estar e gozar cos ollos ben abertos.