O culto a Santiago en Lugo
Por Jaime Delgado Gómez
Co título arriba indicado, don Jaime Delgado pronunciou unha conferencia na igrexa de Santiago a Nova de Lugo. Entre varias informacións aportadas, están os datos que poñen de manifesto a existencia de culto ao Apóstolo polo menos desde finais do século IX na Diocese de Lugo. Así, en torno a 890 créase a que sería primeira igrexa que ten a advocación de Santiago. Do ano 897 é un documento no que Alfonso III fai a doazón da igrexa de Estraxiz á Catedral.
E nun documento do ano 930 dise: “ecclesiam quam vocant sanctum Iacobum, que sita est in comisso Lausata, in prefata villa Astragis”. Esta localidade, Astragis, é Estraxiz, preto de Lousada (Samos). Na igrexa de Ligonde (Monterroso), tamén adicada a Santiago, hai unha inscrición que di: “Aquí xace Pedro fámulo de Deus que fundou a igrexa, era 1100”. Esa era corresponde ó ano 1062. Noutro apartado da súa conferencia, don Jaime Delgado falou da gran expansión do culto desde o século XII. Dese século son o Liber Sancti Iacobi (Codex Callistinus), o arcebispo Xelmírez. E no que respecta á Diocese de Lugo, do ano 1150 hai un documento que constitúe a primeira referencia local ó Camiño de Santiago. É así porque tal documento refírese ós peregrinos (“redeuntibus a Sancto Iacobo”) e ó feito de que a igrexa, Santa María de Vilavella, linda co Camiño.
Finalmente, don Jaime Delgado mencionou unha serie de igrexas nas que Santiago suplantou a titulares anteriores. Ás veces non hai seguridade sobre quen sería o titular anterior: Santiago de Saamasas, Santiago de Prógalo. Noutros casos si temos ese dato: Santiago a Nova, antes Santa María a Nova; Santiago de Meilán e Santiago de Barbadelo, antes San Salvador; Santiago de Esperante, antes Santa Marta. Santigo de Sobrecedo probablemente sustituiría a Santo Andrés e Santiago de Entrambasaguas sustituiría a san Félix. Estes son unicamente algúns casos. En fin, don Jaime Delgado deixa claro que do culto a Santiago na Diocese de Lugo pode dicirse que hai antigüidade e forza.