O sacerdote Juan José Cebrián Franco faleceu o 24 de xullo en Santiago ós 76 anos. Perdeu a batalla contra unha dura enfermidade cando non se cumprira un mes do seu nomeamento como cóengo da Catedral de Santiago. Os días 3 e 25 de agosto, ás 09.30 horas celebraranse na Capela Maior da Catedral as misas establecidas, segundo o costume do Cabildo Metropolitano.
Juan José Cebrián actualmente era director da oficina de Socioloxía, Estatística e director dos servizos diocesanos de informática e internet. Ideara o Portal da Igrexa Metropolitana de Santiago en Internet (www.archicompostela.org). Naceu na capital galega o 6 de xuño de 1933. Cursou Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Seminario Metropolitano de Santiago. Foi ordenado sacerdote polo cardeal Quiroga Palacios o 18 de marzo de 1956. Na Universidade Gregoriana de Roma licenciouse en Ciencias Sociais, retornando, unha vez titulado, á súa cidade natal onde exerceu a docencia no Seminario, varios institutos de Formación Profesional e no Instituto Arcebispo Xelmírez I ata a súa xubilación en 1998. Tamén desempeñou varias responsabilidades no Arcebispado de Santiago: consiliario diocesano da Mocidade Obreira Católica, profesor do Seminario Metropolitano, delegado episcopal en Cáritas Diocesana.
Froito da súa actividade como sociólogo son abundantes estudos de Socioloxía da Relixión e outros temas na súa maioría referentes a Galicia. Son tamén numerosas as súas colaboracións en revistas científicas e na prensa. Moitos anos da súa vida dedicounos a investigar e defender o culto xacobeo A súa preocupación pola ofensiva contra a autenticidade dos restos do Apóstolo na catedral levouno a dedicar o seu tempo ó Xacobeo, a axudar na Delegación Diocesana de Peregrinos e a difundir todo o que investigaba sobre o tema xacobeo mediante conferencias e publicacións, como as que seguen: Santiago (1971) Santiago y Galicia. (1976). Hasta el Fin de la Tierra (Seminario Maior de Santiago1993). El Apóstol Santiago (Ed. San Pablo. 1999). El Apóstol Santiago y su sepulcro. (ed. san Pablo, Colec. Vidas breves 2003). La cuestión Jacobea en el siglo XX (Prólogo, transcrición, titulación e notas da última aportación de Mons. Guerra Campos ao tema xacobeo) (ITC, Colectanea Pastoral nº 5. Santiago 2004) A súa última obra (2008) é Los relatos de la traslación de los restos del Apóstol Santiago a Compostela, editada polo Instituo Teolóxico Compostelán (ITC). Recóllense aquí as diversas fontes escritas da Idade Media que fan referencia á ‘traslatio’, así como a posible orixe destas tradicións e a súa trasmisión até os séculos medievais; destacan algunhas fontes de obras do Arquivo da Catedral de Santiago, como pode ser o relato da translación que fai o Códice Calixtino ou a referencia da Historia Compostelá, ambos os textos do século XII. Incorpórase ademais a edición das fontes en latín e a súa tradución ao español. Esta obra, revisión dunha das máis destacadas tradicións xacobeas medievais, publícase como un novo número (16) da Colectánea da Cátedra Cardeal Quiroga.