En 1993 a Unesco incluía na lista de Patrimonio Mundial o Camiño de Santiago, en concreto o Camiño Francés. Desde o 5 de xullo de 2015 inclúese tamén o Camiño Primitivo (o que percorreu o rei asturiano Alfonso II O Casto no século IX desde Oviedo ata Iria Flavia); o Camiño da Costa (que une Hendaya con Santiago pola cornisa cantábrica); o Camiño Interior (desde Irún ata Santo Domingo de la Calzada) e o Camiño Lebaniego (entre San Vicente de la Barquera, punto do Camiño da Costa e o Mosteiro de Santo Toribio). En total suman 1500 quilómetros. Agora a denominación do ben protexido pola UNESCO é «Camiños de Santiago de Compostela: Camiño francés e camiños do norte de España»
Administración e asociacións levaban 25 anos loitando por esta declaración.
A UNESCO inclúe na lista de Patrimonio Mundial os 4 camiños mencionados por tres razóns:
– considera demostrado «o intercambio de valores humanos» que supoñen os Camiños, «herdeiros das vías de comunicación entre Francia e a fachada cantábrica da Península Ibérica na Antigüidade e que foron principais eixes de transmisión de ideas, influencias culturais e intercambios diplomáticos entre ambas zonas». Así mesmo, recoñécelles o «papel extraordinario que xogaron na unidade de Europa nun periodo histórico moi complexo, como foi o posterior á caída do Imperio Romano e os primeiros séculos medievais».
– estes camiños «alimentaron a presenza de infraestruturas propias (pontes, hospitais, albergues) que permiten seguir hoxe os pasos da antiga peregrinaxe a través do seu legado patrimonial», e destaca que «a importancia política e económica que adquiriron contribuíu a que se producise un profundo cambio na ordenación do territorio, encabezada pola presenza dunha rede de castelos medievais que controlaban os seus pasos».
– recoñece que «os Camiños do Norte constitúen as raíces da peregrinación xacobea e, polo tanto, o berce do Camiño de Santiago como excepcional testemuño do poder que a fe ten entre as persoas de todas as clases sociais e procedencias xeográficas».
A UNESCO incluíu tamén no listado varios bens culturais vinculados ao Camiño de Santiago que exemplifican, segundo a UNESCO, «o rico patrimonio cultural asociado ás rutas xacobeas do Norte». Entre eles, a Catedral de Lugo.