Simbolismo do calzado
Hai que ir con sandalia se queremos aprender a contemplar. Só quen fai o camiño paso a paso percibe a marabilla dunha flor, pode parar a conversar con outro camiñante, goza da brisa na propia pel e pode levantar os ollos ao ceo. E a quen vai con sandalia pégaselle tamén o po do camiño. Só se imos con sandalias coñecemos as nosas limitacións, sabemos da nosa debilidade que, con frecuencia, lévanos a ensuciarnos. Por iso, o peregrino non xulga nunca a sucidade doutro camiñante e xamais se considera mellor. Quen fai o camiño en coche pode mirar a sucidade dos pés do peregrino con certo desprezo. Quen calza sandalias sabe e vive de humildade. E por iso está máis preto de Deus -fonte que no camiño lava os meus pés doloridos- e dos irmáns. Un coche significa riqueza, posesión de bens materiais. E mesmo algo máis: significa que pomos o noso orgullo nesas posesións. Unha sandalia significa austeridade, pobreza. Dunha sandalia ninguén se enorgullece. É o calzado máis simple, máis elemental. A sandalia é allea á complicación do deseño. É só o que é: un calzado. Sen maiores ornamentos nin «aparatos». Por iso a sandalia significa autenticidade e quen a calza debe vivir nesa pobreza, nesa autenticidade. Deus, desde logo, non chega en coche. Deus chega calzado con sandalias, entra na nosa vida sen facer ruído e convídanos a seguilo polo carreiro da humildade, da pobreza, da autenticidade e, está claro, do cansazo do camiño. Se queremos ser compañeiros de Cristo -cristiáns- debemos abandonar o coche (esa seguridade externa na que me apoio, ese afán de protagonismo, ese ruído que atonta…) e calzarnos as sandalias de peregrino. O camiño -a vida- é unha beleza que só pode ser contemplada e valorada se a percorremos amodo. Pero o camiño non só é beleza. É Verdade que me leva á Vida se a fago en compañía do Peregrino que nos leva ao Pai. Pés peregrinos A paisaxe conquístase coas solas, non coas rodas. Pés espidos, pés calzados, pés con calos, pés chagados. Os pés levan aos peregrinos, outros son arrastrados e os máis, paso a paso fan camiño ao andar. Camiño de Santiago, pisado e trillado por miles de pegadas na andaina de séculos e séculos. Na era da velocidade, decidir camiñar é trasladarse séculos atrás. Os pés notan as irradiacións doutros que por alí pasaron e únense á riada daqueles que andaron ata a tumba de Santiago. Pés, á mañá, cústavos despegar; pés que á tarde, cansados estades; pés veloces, pés lentos; pés do peregrino que saben onde van. Estades irmanados con pedras e coios. Tamén sabedes de barros e lodos, de herbas e prados. Pés movidos pola cabeza e o corazón, que ao notar a fatiga, superádela con paixón. Apoiarvos no bordón, protexervos polo calzado que o peregrino ten coraxe para chegar ao Campo das Estrelas. A meta é vosa; Obradoiro antes que a Gloria e entre paso e paso, o noso Pai Señor Santiago sempre presente e amigo, sempre compañeiro.