Non houbo ausencias no Consello Xacobeo celebrado en Santiago a mediados de decembro. Todas as comunidades autónomas polas que transcorren os Camiños de Santiago históricos e os representantes ministeriais acordaron por unanimidade que o Ministerio de Cultura pida á Unesco a inclusión do Códice Calixtino no Rexistro da Memoria do Mundo, a lista do patrimonio documental que se considera de importancia mundial. Como mérito do Códice Calixtino está o ser un dos máis importantes testemuños da Idade Media e a súa contribución decisiva a afianzar a peregrinación.
As liñas de actuación para os próximos anos serán cinco: a dinamización cultural ao longo da ruta; a participación en redes internacionais (en consonancia coa múltiple nacionalidade dos peregrinos); o deseño de programas formativos de contidos transversais; a sinalización e as infraestruturas aproveitando as novas tecnoloxías; e a protección de peregrinos e do patrimonio monumental. Haberá un grupo de traballo no seo do Consello adicado específicamente aos Camiños do Norte.