O Camiño Primitivo, declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade no mes de xullo, xa era usado nos séculos X a XII. Foi a vía ou o camiño usado polo rei Afonso II cando lle comunica o rei Teodomiro a inventio do sepulcro do Apóstolo Santiago. Era a vía que comunicaba o Lucus Asturum con Lucus Augusti. Pero máis ca iso, non é máis que unha variante do Camiño do Norte ou Camiño da Costa. O primeiro tramo ata Lugo non aparece documentado máis que no Ravennate ou no itinerario Peuntingeriano. Estes inicios do Camiño tamén nos están a falar da conformación dun reino. Durante o reinado de Afonso II está xestándose o reino de Asturias, e como tal ten que adoptar unha serie de símbolos para facelo crible diante dos outros reino. Este camiño ía unindo diferentes santuarios esparexidos pola cornixa cantábrica, no que sobresairán a Cámara Santa da Catedral de Oviedo, que foi unha copia da Igrexa de Santa María de Lugo, e a propia basílica compostelana. Estamos a falar de lexitimación dun poder, que como tal ten un respaldo divino. Ditos comportamentos aparecen máis veces: Froilán ligado ó reino de León, San Martiño ligado ó reino dos suevos… Santiago ligado ó reino de Asturias ou ó reino visigodo (segundo se mire). O camiño, como vía de comunicación, está a falarnos dunha relación de Lugo con Asturias. Son camiños de devoción que se comunican. A diocese ovetence nace ó abeiro da diocese de Lugo e na Idade Media será Oviedo a que lle dea vigor á de Lugo por ser lugar de paso cara a Compostela. Unha tarefa que merecería a pena facer é a biografía comparada das dioceses lucense e asturiana para ver as contribucións mutuas que houbo ó longo da historia.
Óscar González Murado
(Extracto do artigo “O Camiño Primitivo, don e tarefa”, Lvcensia, n.º 52)