Queren estar un pouco máis preto de Cristo, descubrir moito máis del camiñando que entre libros e disertacións. Queren experimentar a súa existencia, a existencia daquel predicador de camiños que percorreu durante tres anos Palestina sen asentarse en ningún lugar en concreto. Queren presentarse ante a Igrexa como unha comunidade do camiño, como o peregrino Pobo de Deus. Ir a Santiago non é só ir visitar a tumba do Apóstolo. Ir a Santiago supón comezar a percorrer o camiño que deu sentido á vida do Apóstolo. Ese camiño non é outro que Xesucristo. A referencia á vida e obra de Xesucristo é o dato último e definitivo da vida do cristián. O Camiño está salpicado de referencias a Xesucristo: ermidas, igrexas, mosteiros, santuarios marianos, catedrais, cruces no Camiño, historias de aldeas e pobos, rezos, celebracións… Todo iso pode contribuír a ir concibindo a Xesucristo como o argumento fundamental da propia vida.