Historia do Cebreiro

O Milagre Eucarístico

   

    Milagre Eucarístico é un acontecemento que fixo famoso ó Cebreiro en toda Europa. Un dos testimonios clásicos é o do P.Yepes, cronista benedictino. El cóntanos os feitos do seguinte xeito:
 
    Cerca dos anos de mil e trescientos había un veciño vasalo da casa do Zebrero nun poblo que dista media legua chamado Barja Mayor, que tiña tanta devoción co santo sacrificio da misa que por ningunha ocupación nin inclemencia dos tempos recios faltaba de oir misa. É aquela terra combatida de todos os aires, e soe cargar tanta neve que non só se toman os camiños, pero se cubren as casas e o mesmo mosterio, a igrexia, e hospital soen quedar sepultados, e alá dentro viven con lume e luces de candelas, porque a do ceo en moitos días non se soe ver, e se a caridade (a quen non poden matar ríos nin ceos) non tiviese alí entretidos ós monxes para servir ós pobres, parece imposible apetecer aquela vivenda. Un día, pois, moi recio e tempestuso lidiou e peleou o bo do home e forcexou contra os ventos, neve e tempestades; rompeu polas neves e como puido chegou á igrexia.

     Estaba un clérigo dos capeláns dicindo misa, ben descuidado de que naquel tempo traballoso pudiese ninguén subir a oír misas. Xa consagrara a hostia e cáliz cando o home chegou, e espantándose cando o víu, menosprecióuno entre si mesmo, dicindo: "¡Cal ven este outro cunha tan grande tempestade e tan fatigado ver un pouco de pan e de viño!El Señor, que nas concavidades da terra e en partes escondidas obra as súas marabillas, fíxoa tan grande naquella igrexia, a esta sazón, que logo a hostia se convirtíu en carne e o viño en sangue, que vendo a Sua Majestad abri-los ollos daquel miserable ministro que dudara e pagar tan gran devoción como amosou aquel bo home, vindo a oír misa con tantas incomodidades" [11].

    Houbo outros moitos historiadores que recolleron este milagre: «O milagre historiado entre outros por Ambrosio Morales no "Viaje Santo", ocorreu no século XVI, ofrecéndose a un sacerdote incrédulo a hostia en carne e o viño en sangue, dende entón conservados en reliquiarios» [12].

    As demáis versións do milagre difiren, en canto á forma, do enunciado polo P.Yepes. Imos reproducir a continuación outra versión para observar así o que as tradicións poden modificarse, e ampliarse incluso, co correr do tempo ó iren trasmitíndose de boca en boca, sendo a tradición popular o seu vehículo de supervivencia. Pero o problema deste modo de trasmisón da cultura ten o risco das altaracións e as deformacións, o que dificulta logo o labor de reproduci-lo relato orixinal, traballo da crítica textual. A siguiente versión está recollida por Leandro Carré e publicada en "La Voz de Galicia" do 22 de agosto de 1992:
 
    «Aconteceu, alá polo ano 1300, que un crego da parroquia empezou a pensar cómo era posible que a santísima hostia e o viño de misar puideran convertirse en carne e sange de Xesús Deus ó tempo da consagración, cumplida simplemente por un home mortal e pecador como era el. 

      A duda mordía con frecuencia o corazón do sacerdote; a duda amargaba as horas solitarias das súas noites de insomnio.

      -¡Ouh, Deus! -murmuraba o cura afligido-. A fe debilítase en mín. O meu ser enfraquécese e o meu cerebro estala, pero non vexo craro este misterio. ¿Unhas leves cruces trazadas no aire pola miña man e unhas poucas palabras murmuradas pola miña boca, non sempre limpa e pura, cómo poden facer tal milagre?.

      Había un veciño da parroquia que vivía a unha media legua de Piedrafita e era tan devoto da santa misa, que por ningunha cousa, nin polas tormentas ou nevadas máis fortes, deixaba de acercarse alí para oír a súa misa.

      Un domingo estaba e crego celebrando o santo sacrificio. Ninguén máis estaba na igrexa, porque a turbulenta tempestade daquél día era tal, que causaba pavor. Tiña xa consagrada a hostia e o cáliz cando oíu o ruído dalguén que entrou apresuradamente na igrexa.

      O sacerdote mirouno con sorpresa e, abraiado, murmurou: "¡Pobre home, vir con este tempo de tan lonxe, fatigosamente e expoñéndose a morrer no camiño, só para postrarse ante un pouco e pan e vino!".

      Pero entón sintíu un estremecemento extraño. Mirou para a patena e víu, horrorizado, como a blanca rodaxa de blanco pan se volvía rubia, converténdose en sangrante carne que parecía recén cortada dun corpo vivo; e o viño do cáliz espesábase, adquirindo un tono máis vermello, e cheiraba a sangue.

      O mísero cura caeu de xeonllos ó pé do altar e logo desplomouse sobre as gradas, desvanecido.

      O home que chegara naquel momento correu cara o altar e tratou de incorporar ó sacerdote. Estaba morto».

    Con relación a este relato hai que dicir que é moito máis vivo e realista co anterior, moi enriquecido en detalles que, sen dúbida se lle irían agregando ó longo dos séculos e aínda puido ser modificado conscientemente para adaptalo a unha catequese co fin de reforza-la fe do pobo. Pero o importante é que só cambiou o xeito de expresa-la idea, manténdose ésta inalterable e facendo o texto máis adsequible para que a xente puidera recordarlo mellor, que é o que realmente importa. Compre dicir tamén que no relato se identifican os pobos de Pedrafita y O Cebreiro; el autor non fai distinción e sitúa a historia en Pedrafita.

     Tradicionalmente crese que, nun principio, as reliquias permaneceron no cáliz a na patena. Logo, cando os RR. Católicos pasan por estas terras donan unhas redomas de prata para guardalos. Ésto é o que recolle o P.Yepes: «Estivieron moito tempo a hostia volta en carne na súa patena e o sangue no mesmo cáliz onde acontecera o milagre, ata que, pasando a raíña Dona Isabel na romería cara Santiago, e hospedándose no moteiro do Zebrero, quixo ver un prodixio tan raro e marabilloso, e dicen que entón, cando o víu, mandou poñe-la carne nunha redoma e o sangue noutra, onde hoxe en día amosan»[13].
 
 

HISTORIA

Raíces do Cebreiro: As Pallozas.
836. Fundación do Mesón Santuario.
1072. Alfonso VI dónao a S.Giraldo de
       Aurillac. Establecemento dos monxes.
Privilexios reais.
1300. Milagre Eucarístico.
1487. Os RR. Católicos fanno
      depender de S. Benito o Real de Valladolid.
S.XV-XVI. Comeza a decadencia.
1853. Desamortización, o templo
       pasa á xurisdición lucense.
Guerra da Independencia.
1962. Recuperación do Cebreiro.